O investimento en servizos básicos cobra peso nos orzamentos de Ribeira

RIBEIRA> O executivo ribeirense presentou o proxecto de orzamentos que levará a pleno este mércores. O presuposto, que ascende a 36 millóns de euros, recolle un importante incremento dos investimentos e unha forte aposta polo gasto social e os servizos públicos.

O orzamento que previsiblemente se aprobará mañá ascende a máis de 36 millóns de euros entre os que destaca o capítulo de investimento con doce millóns e medio. Os servizos públicos básicos como a seguridade e o mantemento supoñen boa parte desta inversión así como a dotación de crédito para asumir o pago de facturas pendentes ou a finalización das obras que contan con subvencións doutras administracións.

A aprobación das contas permitirá a actualización salarial dos traalladores do concello e a creación de máis de 70 postos de traballo.

O alcalde destacou ademais o gran traballo que supuxo a elaboraicón destas contas en tempo récord, aínda non cumpridos os cen pimeiros días de mandato, cumprindo así como compromiso adquirido cos veciños.

Dende o goberno municipal quixeron tamén saír ó paso das críticas formuladas polo Partido Popular por non buscar o consenso na elaboración dos orzamentos insistindo en que foron informados nas xuntas de voceiros da posibilidade de realizar as súas achegas.