A USC oferta tres seminarios en Ribeira no programa ‘Camiños de coñecemento e experiencia’

RIBEIRA> Patrimonio, fotografía e capacitación dixital son os contidos principais do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia que se desenvolverá en Ribeira no mes de xuño. A colaboración entre o concello e a Universidade de Santiago fai posible esta iniciativa que ten por obxectivo ampliar as áreas de coñecemento da poboación maior de 50 anos.

Ribeira acollerá durante o mes de xuño unha nova edición do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia para maiores de 50 anos. O programa inclúe cursos sobre patrimonio e hstoria, documentalismo fotográfico e manexo do móbil.

Varios dos obradoiros inclúe saídas de campo e visitas guiadas para as que a concellería de Servizos Sociais facilitará o transporte.

A inscrición no programa xa se pode realizar a través do enderezo normalizacion@ribeira.gal ou no Centro Cultural Lustres Rivas, onde se impartirán as clases en horario de tarde. A matrícula é de balde.