PONTEVEDRA> Sete anos de goberno bipartito na Deputación de Pontevedra. PSOE e BNG celebraron hoxe o seu sétimo aniversario nun acto na alameda pontevedresa, rodeado de alcaldes e alcaldesas da provincia e representantes dos eidos empresarial, cultural e social. Baixo o lema ‘A provincia que queres. A túa Deputación’, Carmela Silva e César Mosquera repasaron os fitos dos seus 2.555 días no goberno.
Na alameda de Pontevedra e cun acto público con preto de 400 asistentes, PSOE e BNG celebraron os seus sete anos á fronte da Deputación pontevedresa.
Converter aos concellos en protagonistas, equidade no reparto dos recursos, facer da sostibilidade un criterio transversal, apostar pola innovación e a transformación dixital, promover unha mobilidade amable, a atención ao rural ou a transparencia foron, segundo Silva, algúns dos compromisos que adquiriron coa cidadanía.
Socialistas e nacionalistas suman xa 2.555 días de goberno conxunto. Neste tempo, cifran os investimentos en 1.177 millóns de euros e en 140 millóns os fondos europeos xestionados. Tamén se sitúan como a deputación provincial que máis recursos transferiu aos concellos en todo o Estado. Co Plan Concellos como principal ferramenta.
Agora, nun novo escenario de dificultades, Silva e Mosquera aseguran que o seu goberno mira cara o futuro dende a humildade, pero sen perder as novas oportunidades.
O acto de celebración destes sete anos foi criticado dende o Partido Popular provincial. Para a oposición, foi unha festa a rachar e partidista a cargo de toda a cidadanía.