PONTEVEDRA> Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés os doentes teñen que agardar 66 días de media para unha operación cirúrxica. É un dos datos que hoxe presentaron dende a xerencia sobre o balance da actividade asistencial. Durante o 2025, os casos graves chegaron a atenderse en menos de 20 días. Para as consultas con especialistas, a espera media foi de case 68 días. Todo, din, nun exercicio marcado polo impacto das folgas médicas.
Máis de dous meses, en concreto 66,4 días, é o tempo que os pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés teñen que agardar para unha intervención cirúrxica. En Pontevedra a espera é de 69,4 días e no Salnés de 48,2.
Actualmente hai 4.555 persoas pendentes dunha operación na área sanitaria. Traumatoloxía e oftalmoloxía son as especialidades con máis lista de espera. Unha agarda que se reduce notablemente se estamos ante casos de prioridade 1. Os máis graves aténdense nunha media de 17 días.
No que se refire ás consultas con especialistas, a agarda é de case 68 días de media. Neuroloxía sitúase á cabeza, con 126 días de espera. Séguenlle traumatoloxía e uroloxía, con 82 cada unha. A que menos é oncoloxía. Así os pacientes teñen que agardar 11,7 días.
Os pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés viron como os tempos de agarda se incrementaban nunha semana de media. Dende a xerencia atribúen este aumento ás folgas médicas e á negativa dos facultativos a facer ‘peonadas’, que son as operacións que se realizan en horario de tarde.
Durante o 2025 tiveron que aprazarse 345 intervencións cirúrxicas polas folgas. En canto aos paros en Atención Primaria, o xerente asegurou que provocan a cancelación dunhas 200 consultas diarias e retardan a derivación de pacientes ao especialista.











