A Deputación da Coruña apoiará o proxecto de ampliación da residencia de Amicos

BOIRO> Así o anunciou esta mañá o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, durante unha visita á sede da entidade, en Comoxo.

A de hoxe era a primeira visita de Valentín González Formoso a Amicos dende que é presidente da Deputación da Coruña hai máis de seis anos. Polo que foi unha visita longa, había moito que ver.

Ademais de realizar un percorrido polas instalacións do centro integral e residencia, o presidente provincial tivo tempo tamén de  coñecer de primeira man os traballos que realizan os usuarios do centro de formación profesional con que conta a entidade, moitos deles financiados con cargo a distintos programas da institución provincial.

A presidenta de Amicos, Esther Vidal, aproveitou a visita para agradecerlle enormemente o apoio que a Deputación da Coruña lle dá á entidade. E xa lle puxo tamén deberes, na procura de financiamento para un novo proxecto que pretende poñer en marcha Amicos como é o de ampliación da súa residencia, ó que Valentín González Formoso non dubidou en comprometerse.

Durante a visita o presidente da Deputación, estivo tamén acompañado polo alcalde, Xosé Ramón Romero,  e as deputadas provincias responsables de Benestar Social e Educación, Ana Lamas e Sandra González, respectivamente.