Piden 18 anos de prisión para un barbanzán acusado de agredir sexualmente á súa filla

BARBANZA> A Audiencia Provincial da Coruña acolle a partir deste mércores o xuízo a un barbanzán acusado de agredir sexualmente á súa filla menor de 16 anos entre os anos 2010 e 2011.

A Fiscalía solicita unha condena total de 17 anos e once meses de cadea, posto que ós 11 anos e medio polo delito de agresión sexual, piden un ano e once meses por ameazas graves e outros catro e medio por un delito de lesións.

Ademais da pena de privación de liberdade, o Ministerio Público demanda a prohibición de comunicarse coa vítima ou achegarse a menos de 200 metros por un tempo de 15 anos así como unha indemnización de 30 mil euros.

Tamén está procesada a parella do acusado para a que a Fiscalía solicita 5 anos e medio de cadea por delitos de lesións e ameazas. Pídese tamén unha indemnización de oito mil euros e a prohibición de achegarse á vítima durante 5 anos.