O Plan Extra da Deputación de Pontevedra mobilizou 4,5 millóns de euros na comarca de Caldas

MORAÑA> O primeiro Plan Extra da Deputación de Pontevedra mobilizou nos sete concellos da comarca de Caldas 4,5 millóns de euros. Hoxe o presidente do organismo provincial fixo balance dos proxectos que se beneficiaron destes fondos. Nun encontro en Moraña, Luis López destacou que o Plan Extra é un balón de osíxeno fundamental para os municipios de pequeno e mediano tamaño. Avanzou, ademais, que os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes presentaron proxectos á segunda convocatoria do Plan Extra, que nestes momentos xa se están a valorar.

A Deputación de Pontevedra iniciou na comarca de Caldas unha xira polas bisbarras da provincia para facer balance dos investimentos do seu primeiro Plan Extra. Dende Moraña, o presidente apuntou que este é moito máis ca un simple plan de investimentos.

Na comarca de Caldas, a Deputación a través do Plan Extra mobilizou 4,5 millóns de euros.

Fondos que permitiron impulsar proxectos estratéxicos en todos os municipios. No caso do concello anfitrión, un proxecto de posta a punto da carballeira de Santa Lucía.

Con Fondos do Plan Extra, en Cuntis construirase unha nova piscina, en Portas estase arranxando a escola de música e en Pontecesures están a mellorar a rúa Carlos Maside.

En Caldas, tamén en marcha un proxecto de humanización, mentres que en Catoira se aposta pola recuperación do Camiño Real. En Valga, os fondos do Plan Extra destínanse para o acondicionamento da contorna de Porto Piñeiro.

Proxectos da primeira convocatoria coa vista posta xa na segunda edición do Plan Extra.

A Deputación está a valorar xa os proxectos presentados polos concellos. No caso dos desta comarca, Moraña presentou unha proposta para mellora dos espazos públicos no Buelo e a creación dunha senda peonil ata a Rúa Nº7, en Caldas a mellora da mobilidade na contorna da Capela de San Roque, en Catoira a segunda fase da recuperación do Camiño Real, en Cuntis unha intervención de mellora da mobilidade, en Pontecesures unha humanización en San Xulián de Requeixo, en Portas a modernización das infraestruturas en Porta do Conde e en Valga, en Porto Piñeiro, dotación de equipamentos.