Alberto García recupera a alcaldía de Catoira cun PSdeG fracturado

CATOIRA> Non houbo sorpresas. O veterano Alberto García acaba de recuperar a alcaldía de Catoira, un ano despois. A investidura do socialista saiu adiante co apoio de catro dos cinco membros do grupo do PSdeG. O concelleiro socialista Roberto Bouzón abstívose, evidenciando a fractura interna da formación a nivel local logo de que o seu líder pactase co PP a fallida moción de censura para apartar ao nacionalista Xoán Castaño do poder.

Os tres edís do BNG votaron pola súa candidata, María Paz; mentres que os tres concelleiros populares fixeron o propio, apoiando ao seu líder, Iván Caamaño.

Deste xeito, o socialista Alberto García recupera a alcaldía da localidade vikinga. Foi rexedor de xeito ininterrompido dende o ano 1991 ata o 2019, cando os socialistas perderon a maioría absoluta e os populares auparon ao poder ao nacionalista Xoán Castaño. A dimisión do líder do BNG, hai unhas semanas, dinamitou a moción de censura PSOE-PP, levando agora a uns socialistas divididos a facerse de novo co poder.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí