O PP de Ribeira pide que se axilice a tramitación do novo polígono para evitar a paralización do proxecto

RIBEIRA> O PP de Ribeira levará a pleno unha moción instando á corporación a axilizar a tramitación do futuro polígono industrial. Os populares acusan ó actual executivo de ter paralizado o proxecto, o que suporá un retraso dun ano na súa execución.

Na moción que se debaterá no pleno deste luns, o partido popular demanda ó goberno local que estableza como prioridade a dotación de chan industrial no municipio, axilizando os trámites para a licitación da ampliación do polígono.

Segundo os populares existía un remanente dun millón douscentos mil euros destinado á execución do futuro parque empresarial que, de non materializarse, implicará un retraso dun ano na súa tramitación, cos consecuentes prexuízos para o tecido empresarial de Ribeira.