Ribeira contará cun aparcadoiro público con capacidade para mil vehículos en Fafián

RIBEIRA> O concello de Ribeira disporá dun aparcadoiro con capacidade para mil vehículos na zona de Fafián. Os operarios municipais traballan a reo para finalizar a primeira fase dos traballos co obxectivo de que 250 estacionamentos estean operativos para Defuntos, dada a proximidade da parcela co cemiterio municipal.

Xa están en marcha as obras para crear un novo aparcadoiro público e gratuíto en Ribeira. Esta parcela, de preto de seis metros cadrados, emprazada na zona de Fafián permitirá a creación de mil prazas de estacionamento. Nunha primeira fase, que se prevé rematar mañá mesmo, estarán operativos entre 200 e 250 aparcamentos para dar servizo ó gran número de veciños que se despraza ata o cemiterio municipal os días de Defuntos e Tódolos Santos.

Ademais de dar servizo ó cemiterio, o concello pretende facilitar o estacionamento para as persoas que se achegan a realizar as súas compras ou xestións ata Ribeira dada a súa proximidade co centro urbano.

Este novo espazo súmanse ós aparcadoiros disuasorios das Abesadas. Ademais, dende o executivo traballan na inminente municipalización do párking do Centenario que habilitará prazas de estacionamento a prezo reducidos no casco urbano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí