A chuvia dá unha tregua no Mercado das Flores de Cambados

CAMBADOS> O sol mandou nesta xornada de moito movemento neste Mercado das Flores de Cambados, instalado na praza de Fefiñáns. Aquí, máis dunha vintena de floreiras danse cita, cunha máis que ampla variedade de flores, ramos e centros para lembrar aos que xa non están. A edición deste ano, polo que nos contan, está funcionando moi ben.

Chova ou non, o certo é que son moitos os que apuraban hoxe a tregua meteorolóxica para achegarse ata este mercado.

E os prezos subiron un chisco, pero iso non é impedimento para engalana-las tumbas en datas tan sinaladas como Tódolos Santos e Defuntos.

As floreiras recoñecen que os prezos subiron, pero que así e todo, en comparación como está todo, ese incremento non é tan acusado.

En canto a gustos, como sempre, o crisantemo é o gran protagonista, xunto con outros clásicos como as rosas. Gaña peso o centro xa comprado, por comodidade e estética.

E aínda que moitas persoas aínda son partidarias de facelo coas súas propias mans, outras téñeno claro.

As floreiras, ademais, destacan a comodidade dun mercado como este, nun espazo privilexiado e baixo carpa. Lonxe quedan aqueles tempos nos que vendían as flores á intemperie diante do centro de saúde. O Mercado das Flores de Cambados botou hoxe o seu peche, logo de tres intensos días de actividade.