Mal balance do libre marisqueo no ecuador da campaña

POBRA> Mal balance da campaña de libre marisqueo na ría de Arousa. Tres meses despois do seu arranque, os malos datos confirman as pesimistas expectativas dos profesionais que xa auguraban un mal ano.

Os datos provisionais de capturas na metade de campaña do libre indican un notable descenso con respecto ó 2016. Mentres que nos Lombos do Ulla, a produción rolda os noventa mil quilos, Cabío e O Bohído apenas chegan á metade das capturas do pasado ano por estas datas. No banco da Pobra non se superaron aínda os corenta mil quilos mentres que no Bohído se chegaron a roldar os sesenta mil.

Estes datos non fan máis que confirmar as malas previsións dos mariscadores que levan tempo advertindo da baixa produtividade dos bancos.

A vindeira semana, os patróns maiores manterán unha nova xuntanza na Consellería do Mar para abordar a necesidade da mellora na xestión do libre marisqueo. Dende A Pobra seguirán á apostar pola necesidade de repartir estes bancos entre os distintos pósitos para garantir o seu correcto mantemento e vixilancia.

Pola súa banda, a Xunta defende a necesidade de crear un plan de xestión conxunto entre a administración e as confrarías; algo que moitos patróns maiores non ven viable pola falla de medios para controlar a actividade.