O BNG valora o decálogo do PSOE: ‘Dá a impresión de que queren obstaculizar o goberno’

PONTEVEDRA> O BNG dubida das intencións do Partido Socialista para chegar a un acordo que permita a aprobación dos orzamentos do concello de Pontevedra para o 2024. O goberno local valorou hoxe o decálogo presentado onte polos socialistas. Para a alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, incluír a transformación de Raíña Vitoria nunha plataforma única e o traslado da feira á Alameda nas negociacións dá a impresión de que o obxectivo é obstaculizar ao goberno.

As negociacións entre BNG e PSOE en Pontevedra para sacar adiante os orzamentos para o 2024 parece que non comezan con bo pé. Non gustou ao goberno nacionalista o decálogo de demandas presentado onte polos socialistas para iniciar as negociacións.

As demandas dos socialistas acadaban os 6,6 millóns de euros. Deles, pedían 2,5 millóns para transformar a avenida Raíña Vitoria nunha plataforma única aberta a un tráfico restrinxido. Tamén 450 mil euros para mudar o chan da Alameda, que acollería a feira ambulante.

Eva Vilaverde reclamou aos socialistas seriedade á hora de negociar.

A alcaldesa en funcións pediu responsabilidade a PSOE e PP para aprobar os orzamentos de 2024, necesarios para non perder fondos europeos. O goberno non descarta, incluso, someterse a unha cuestión de confianza.

Así as cousas, Vilaverde asegurou que o goberno está disposto a negociar. Unhas conversas que liderará o edil de Facenda, Raimundo González. A intención é convocar a vindeira semana a Mesa Xeral de Negociación dos orzamentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí