RIANXO> O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta mantivo esta mañá encontro con mariscadores de Rianxo. Xosé Ramón Gómez Besteiro escoitou de primeira man as preocupacións do sector ante a mortaldade do marisco por mor da baixa salinidade.
A praia da Torre foi o escenario da xuntanza entre o candidato socialista á presidencia da Xunta e as mariscadoras de Rianxo. A presidenta da agrupación a pé trasladoulle a difícil situación que atravesa o colectivo que, trala alta mortaldade provocada polas últimas riadas, tan só pode traballar uns catro ou cinco días ó mes con topes moi baixos.
Ademais da axilizar o cobro de axudas motivadas por este paro forzoso, Gómez Besteiro insta á Xunta a desenvolver un plan efectivo de saneamento e rexeneración das rías para poñer freo á caída de produtividade que afecta tanto a Arousa como a Muros-Noia.