O concello de Ribeira volve demandar maior dotación de axentes da Policía Nacional

RIBEIRA> O concello de Ribeira volve demandar ó goberno central o incremento de axentes da Policía Nacional na comisaría de Ribeira. De xeito paralelo, procedeu á incorporación de 8 auxiliares de policía local que prestarán servizo no municipio ata finais de ano.

Os últimos episodios violentos, con pelexas e altercados en pleno centro da vila de ribeira, motivaron as queixas veciñais que demandan un reforzo de seguridade. Conscientes desta situación, dende o concello xa trasladaron á subdelegación do goberno a necesidade de incrementar o número de axentes da policía nacional no municipio ó tempo que traballan na ampliación do cadro de persoal da policía local.

Ademais do incremento do número de axentes, o executivo traballa en estreita colaboración con asociacións veciñais e entidades sociais  para establecer dispositivos especiais de vixilancia nas zonas máis conflitivas e combater dende a base o incremento da delincuencia relacionada especialmente co consumo e tráfico de drogas.

Dende o concello reiteran ademais ó goberno do estado a demanda de eliminar a taxa de reposición para poder destinar máis persoal ó reforzo da seguridade.