Trasladado ó hospital o dono dun restaurante en Ribeira por inhalación de fume

RIBEIRA> Un incendio rexistrado onte pola tarde no restaurante Penín de Ribeira, situado na céntrica Praza de Vigo, obrigou a mobilizar ata o lugar ós equipos de emerxencias.

Ó parecer o lume orixinábase nunha das frixideiras da cociña. Foron os propios traballadores do local os que sufocaron en primeira instancia as chamas coa axuda de varios extintores.

Á chegada dos equipos de extinción, tanto o Grupo de Atención ás Emerxencias Municipal coma da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, o lume xa estaba apagado.

Tamén se achegaron ata o lugar do suceso varias patrullas das Policías Nacional e Local, así como unha dotación do parque de bombeiros de Boiro, ó estar pechado o parque de Ribeira por falla de persoal suficiente co que cubrir os servizos mínimos debido á folga que manteñen.

Aínda que nun primeiro momento se indicou que non había vítimas, pouco despois da intervención foi necesario tamén o traslado dun dos donos do negocio ó hospital da Barbanza debido á inhalación de fume durante as labores de extinción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí