A POBRA> Seguindo co seu plan de mellora do firme nas vías municipais, o concello da Pobra está a executar a reposición do pavimento en varias rúas da urbanización O Lagar. A actuación, financiada con fondos municipais, ascende a preto de 40 mil euros.
As rúas Ribeiro e Albariño, dúas das máis transitadas da urbanización O Lagar, están a ser obxecto de mellora. O concello inviste preto de 40 mil euros na renovación do asfaltado destas dúas vivas que presentaban un firme moi deteriorado.
Ademais das obras enmarcadas no plan de mellora de vías municipais, dende o executivo trasladarán á Xunta e á Deputación as necesidades que presentan as estradas de titularidade autonómica e provincial.
Precisamente, foi un plan provincial, o POS 2018, que posibilitou as obras de apertura dunha vía entre Bandaseca e o Castro que veñen de rematar. O investimento de 67 mil euros permitiu habilitar unha pista de 400 metros de lonxitude con rede de saneamento, abastecemento e recollida de pluviais.











