A POBRA> Dende o próximo 1 de febreiro, o servizo de axuda no fogar da pobra pasará a depender directamente do concello. Así o aprobou a corporación nun pleno extraordinario celebrado esta mañá no que tamén lle deu o visto bo á conta xeral de 2021.
Cos votos a favor de Nós Pobra, BNG e PSOE e a abstención do PP saía adiante de xeito definitivo a remunicipalización do servizo do fogar, avalada non só polo estudo técnico realizado inicialmente senón tamén polos informes de secretaría e intervención que destacan a seguridade xurídica que aportará a xestión directa así como un importante aforro para as arcas municipais.
Xunto co BNG, impulsor da proposta, Nós Pobra e PSOE votaron a favor por entender que suporá non só unha mellora da calidade do servizo senón tamén das condicións laborais das traballadoras.
No transcurso da sesión tamén se aprobou, desta volta por unanimidade, a conta xeral de 2021 que evidencia a boa saúde económica do concello cun balance de 23 millóns de euros, que supón un incremento de case un millón con respecto ó pasado ano.