Escolares do Grupo superan obstáculos en favor da inclusión

RIBEIRA> O CEIP O Grupo de Ribeira sumouse á celebración do Día Internacional da Discapacidade cunha carreira de obstáculos. Baixo o lema ‘Coles máis inclusivos, persoas máis felices’ un total de 450 alumnos e mestres participaron nesta xincana ataviados con complementos do máis orixinal para reivindicar a importancia da diversidade.

A través desta iniciativa o colexio doou 450 euros, un por participante, á fundación ENKI que traballa en prol da inclusión a través do deporte e do ocio.

A carreira, organizada polo Departamento de Educación Física, púxose en marcha este ano como experiencia piloto para amosar ó alumnado, a través destes obstáculos que para eles resultaron divertidos, as dificultades que poden supoñer as barreiras que atopan as persoas con diversidade funcional no seu día a día.

Non puido ter mellor acollida polo que dende o centro xa pensan en darlle continuidade en vindeiros anos para seguir avanzando no camiño da inclusión cara un mundo sen obstáculos