O grupo Candelas, de Portas, prepárase para a súa función máis solidaria

PORTAS> Nestas semanas previas ao Nadal, multiplícanse os actos solidarios. Un deles atopámolo en Portas. Alí, o grupo de teatro Candelas, de Lantaño, organiza para este vindeiro domingo unha representación solidaria. Fan un chamamento á veciñanza para que se doen alimentos non perecedoiros para entregarlle a Cáritas. A compañía anda estes días cos últimos ensaios para unha obra que, segundo nos din, vai deixar a máis de un sor…prendido.

Pillamos aos actores e actrices do grupo de teatro Candelas, de Portas, nun dos seus derradeiros ensaios antes do gran día. Este domingo, a compañía vai organizar unha función benéfica a favor de Cáritas.

Detrás desta iniciativa solidaria está Víctor, o director do grupo. Á proposta sumáronse axiña tódolos membros da compañía.

E o que propoñen agora á veciñanza é que o domingo se acheguen ata este centro social de Candelas, en Lantaño, cun quilo de alimentos non perecedoiros.

Cen quilos de alimentos porque un cento de persoas, como mínimo, é o que agardan xuntar aquí nesta representación solidaria.

E dende logo que van encher este domingo, máis aínda tratándose dunha función coa que a compañía quere aproveitar para celebrar o seu quinto anivesario.

E cinco anos deron para moito neste grupo. Din que sobre as táboas van mellorando, pero o que o máis importante: crean comunidade e pásano de marabilla.

Para a ocasión, volverán representa-la súa primeira obra, ‘A Sor Prendida’, cun enredo entre un atraco e unha monxa, que non se sabe moi ben como rematará.

A cita, lembren, este domingo ás sete da tarde en Lantaño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí