PONTEVEDRA> Pontevedra activa recomendacións de aforro fronte á prealerta por seca no río Lérez. Moitas coinciden coas adiantadas onte por Augas de Galicia: moderar o consumo, non encher piscinas ou lavar o coche e limitar o baldeo de rúas. Pero o concello pontevedrés fai dúas chamadas de atención. Dunha banda, reclaman á Xunta que ordene a ENCE moderar a súa captación do Lérez. Da outra, fan un chamamento aos outros municipios que se abastecen da rede do río para que controlen o consumo.
Pontevedra toma medidas para aforrar auga despois de que a Oficina Técnica da Seca decidira activar a prealerta polo baixo caudal do río Lérez.
Segundo o rexedor, estas son as recomendacións habituais nesta situación. Pero Fernández Lores traslada ao tempo unha demanda á Xunta: que ordene a ENCE moderar a súa captación do río.
Miguel Anxo Fernández Lores recordou que se descoñece a contía de auga que ENCE capta do río Lérez. E apuntou ao mal estado das tubaxes que trasladan esta auga á factoría.
Máis alá de ENCE, o alcalde fixo tamén un chamamento a moderar os consumos nos outros concellos que se abastecen do Lérez. Sinalou que no primeiro semestre do ano algúns multiplicaron os seus consumos. É o caso de Sanxenxo, que medrou nun 103%.
O concello de Pontevedra recordou tamén que non dispón dos datos reais do caudal do río. Información que xa solicitaron a Augas de Galicia.











