PORTAS> A Azucreira de Portas prepárase para acoller unha nova edición do Portamérica. O festival arranca este xoves cunha programación de gala na que mantén a súa dobre aposta: o mellor da música e o mellor da gastronomía. Dende a organización avisa de que as últimas entradas están á venda. Calculan ter unha afluencia diaria dunhas 20.000 persoas.
En tan só dous días esta imaxe dará paso a esta outra. A Azucreira de Portas prepárase para unha nova edición do Festival Portamérica.
Son algúns dos nomes que dan forma ao cartel que arranca este xoves e prolongarase ata o sábado. Unha ampla e variada proposta musical nun festival que ten o outro piar da súa oferta na gastronomía. Este ano o ShowRocking contará con 68 tapas elaboradas por 38 chefs que suman 22 Estrellas Michelín. Cada tapa terá un prezo de 5 euros.
Unha receita de éxito que fará que este ano pasen pola Azucreira ao redor de 20.000 persoas cada unha das xornadas. De feito, o ano pasado o Portamérica reuniu en Portas 65.000 asistentes e xerou un impacto económico estimado de 18 millóns de euros.
Todo isto, valeulle o recoñecemento do Goberno do Estado como acontecemento excepcional de interese público. A figura entrará en vigor en outubro deste 2026 e estenderase ata 2029 para potenciar a música iberoamericana, a gastronomía e o proxecto Respira.
O Portamérica conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. O festival está integrado na programación Concertos do Xacobeo impulsados por Turismo de Galicia e na marca Rías Baixas Fest, da administración provincial.
O festival contempla tamén medidas ambientais e sociais. É o caso da plantación de máis de 8.000 árbores nos montes da contorna para compensar a pegada de carbono, ou iniciativas en materia de accesibilidade e inclusión, como habilitar espazos adaptados para mobilidade reducida, cartelería adaptada para persoas con autismo ou accións para recadar fondos para a Asociación Española contra o Cancro.









