Un potente incendio nunha nave en Portas deixa cuantiosos danos materiais

PORTAS> Un incendio rexistrado nunha nave en Portas deixa cuantiosos danos materiais. As instalacións están situadas preto da Azucreira e pertencen á empresa Eiriz, que se dedica á fabricación de toldos. As lapas calcinaron por completo practicamente a metade da nave. No momento do incendio non había ninguén no seu interior, porque o seu persoal estaba a realizar un servizo en exterior.

O incendio declarado esta mañá nesta nave do Grupo Eiriz, situada preto da Azucreira de Portas, obrigou a mobilizar un amplo dispositivo de emerxencias.  E non era para menos, atendendo ás imaxes que deixou este suceso. Os primeiros en chegar ao lugar foron os efectivos de Protección Civil.

Pouco despois chegaban os bombeiros, con dotacións de varios puntos. Falan dun incendio moi potente.

O peor do incendio estaba, precisamente no andar superior, onde ademais dunha zona de oficina se almaceban as lonas dos toldos, un material moi inflamable. Algo que fixo que a intervención fose máis complicada.

Os efectivos de emerxencias calculan que arredor dun tercio da instalación quedou completamente calcinada.

A nave estaba a pleno rendemento. Por sorte no momento do incendio non había ninguén no seu interior. Saíran había un anaco para facer uns traballos en exterior.

Na zona, a alta columna de fume xerou moita alarma entre a veciñanza. Moitos achegáronse ata a zona, preocupados polo que pasara.

Ata o lugar tamén se achegou o alcalde de Portas. El, como colaborador de Protección Civil, foi un dos primeiros en acceder ao interior da nave.

No interior da nave había un depósito de gasóleo e dous coches que os primeiros efectivos en chegar puideron sacar para fóra. Agora a Garda Civil investiga o ocorrido para esclarecer cal foi a orixe deste lume.