Os ecoloxistas únense aos veciños contra á A-57: ‘Non pedimos un cambio de trazado. Pedimos que se desbote’

PONTEVEDRA> A Plataforma de Afectados pola A-57 suma novos aliados na súa loita contra a construción desta infraestrutura. Hoxe Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra uníronse aos veciños para expresar o seu rexeitamento. Denuncian que a A-57 provocará un grave prexuízo medioambiental e social. Por iso non lles serve un cambio no trazado; reclaman que se desbote por completo o proxecto.

As organizacións ecoloxistas súmanse aos veciños das parroquias de Bora e Xeve no seu rexeitamento á A-57.

Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra denunciaron que para construír a A-57 van ser arrasados máis de 6.000 metros cadrados de zona protexida pola Rede Natura. Cren, ademais, que a infraestrutura vai no sentido contrario da redución de combustibles fósiles.

Apuntan, ademais, que o prexuízo non vai ser só medioambiental. Tamén social, dividindo as parroquias afectadas.

Segundo a Plataforma de Afectados, centos de veciños sufrirán diferentes consecuencias derivadas da construción desta infraestrutura. Algunhas serán demolidas; outras padecerán os ruídos do tráfico desta vía de alta capacidade.

A pesares de que o primeiro tramo desta A-57 xa está en obras, veciños e asociacións ecoloxistas están convencidos de que é posible dar marcha atrás. É cuestión, aseguran, de vontade política.