Porto do Son e Lousame beneficiaranse da nova convocatoria dos fondos de cooperación

PORTO DO SON> A Xunta de Galicia concederá este ano un total de 6,3 millóns de euros en préstamos sen xuros a 15 concellos de toda Galicia entre os que se atopan Porto do Son, Lousame, Vilagarcía e Marín.

Grazas a estas axudas estes concellos poderán financiar actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles municipais.

Trátase segundo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez,  dun programa que posibilitará a protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio.

A titular de Medio Ambiente destacou tamén que nas sete convocatorias deste programa, a Xunta leva concedidos 24 millóns de euros para impulsar un total de 102 actuacións de rehabilitación ou conservación en concellos de toda Galicia de menos de 50 mil habitantes.

No caso de Porto do Son, o proxecto presentado prevé converter un inmoble, actualmente en esqueleto e abandonado dende hai anos, no futuro centro de saúde da localidade.