Filipe VI abre o terceiro Foro da Toxa facendo un chamamento a defender os valores democráticos

O GROVE> Terceira edición do Foro da Toxa e terceira ocasión na que o Rei Filipe VI asiste á xornada inaugural. En galego, o monarca agradeceu boa acollida coa que foi recibido en Galicia e no Grove.

Puxo en valor o evento, organizado por Hotusa, como un espazo privilexiado para o intercambio de ideas, coa illa meca como testemuña.

Con alusións ás consecuencias da pandemia, Filipe VI fixo un chamamento a defende-los valores da sociedade, como fundamento da democracia.

O presidente da Xunta tamén centrou parte da súa intervención nas fortalezas e debilidades do sistema democrático. Coincidindo coa celebración dos 40 anos de democracia plena en Galicia, Alberto Núñez Feijóo advertiu das debilidades do sistema e daqueles que a queren poñer en perigo. E en pleno Xacobeo, Feijóo aproveitou tamén para vincula-lo Camiño cos valores democráticos.

Pola súa banda, a vicepresidenta primeira do Goberno puxo en valor tamén o Foro da Toxa como lugar de encontro e reflexión. Nadia Calviño cre que esta terceira cita chega nun momento máis que oportuno, en plena encrucillada socieconómica tras meses de pandmia e co reto que supón para España e a Unión a xestión dos fondos europeos  de recuperación postcovid.

Este ano, ademais, como novidade, subiu ao estrado nesta xornada inaugural o exsecretario da OCDE. José Ángel Gurría é o primeiro persoeiro en ser recoñecido co premio do Foro A Toxa – Vínculo Atlantico. Nesta xornada inaugural tamén participaron como poñentes o Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, e o Ministro dos Negócios Estrangeiros de Portugal, Augusto Santos Silva. No público, tamén os expresidentes Rajoy e González. Será mañá ao mediodía cando manteñan o seu xa habitual diálogo no marco deste foro que se prolongará ata o venres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí