O segundo premio da Lotaría de Nadal reparte máis de 56 millóns de euros dende O Grove

O GROVE> Non foi O Gordo de Nadal pero o segundo foi o premio máis xeneroso na nosa contorna. O 58303 repartiu 56 millóns de euros no concello do Grove. Foi vendido na administración A Centola Dourada. Os seus responsables explican que a maioría dos décimos, ata 450, foron vendidos entre xullo e setembro, polo que é probable que moitos foran mercados por turistas.

Non foi o primeiro pero si o máis xeneroso. Pasada a unha do mediodía saía do bombo o segundo premio, o 58303, deixando unha auténtica chuvia de millóns no concello do Grove: 56,2 millóns de euros.

Angélica Casal foi unha das agraciadas. Ela tiña dous décimos deste segundo premio no seu poder, cada un deles premiado con 125.000 euros.

Os seus son dous dos 450 décimos que foron vendidos pola Centola Dourada, esta administración da rúa Luis Seoane. Vendéronse en ventanilla entre os meses de xullo e setembro, polo que moitos foron mercados por turistas.

Non foi a única alegría que levou o concello do Grove neste sorteo de Nadal. A Centola Dourada vendeu tamén un décimo do quinto 37038, e na máquina da cafetería O Habanero outro do 88979, premiado con 6.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí