A comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro do Grove concéntrase contra a violencia nas aulas

O GROVE> Preto de 100 persoas mobilízanse no CEIP Rosalía de Castro do Grove contra a violencia nas aulas. O motivo da concentración é mostrar a súa repulsa a o altercado agresivo provocado por unha nai hai uns días. O colexio recibiu o apoio da comunidade educativa para concienciar aos máis mozos para que non se repitan actos violentos.

A comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro manifestouse contra a violencia nas aulas. Pais e nais quixeron mostrar o seu apoio aos mestres do centro tralos insultos recibidos por parte dunha nai. O obxectivo da concentración era concienciar aos máis pequenos contra a violencia e educalos en aspectos como o respecto, a empatía, a integración e a igualdade.

O día que a nai actuou de forma violenta contra os mestres e a garda civil, moitos nenos e nenas estaban presentes, por iso dende o centro entendían que era necesario realizar un acto conxunto como repulsa.

Entre alumnos, pais, nais e mestres, asistiron á concentración preto de 100 persoas. O apoio foi total por parte da Anpa.

Os feitos acontecidos no centro hai uns días xa están en mas da xustiza. A nai foi denunciada por ameazas e agresión a unha autoridade. Dende a comunidade educativa do Rosalía de Castro quixeron resaltar que o acontecido é un feito illado e que o comportamento das nais, pais e alumnos é sempre exemplar.