NOIA> Os Reis visitarán as parroquias durante a mañá do día 5. Pola tarde terá lugar o percorrido urbano da Cabalgata que repartirá 700 quilos de caramelos entre os asistentes. O claustro acollerá a recepción real.
As súas maxestades madrugarán tamén en Noia para levar agasallos ós pequenos de tódalas parroquias. Iniciarán o seu percorrido en Santa María de Roo a partir das dez da mañá e a mediodía visitarán tamén o asilo e a residencia de maiores.
Xa pola tarde sairá a tradicional cabalgata ás seis dende o malecón de San Lázaro para percorrer as rúas Escultor Ferreiro e Rosalía de Castro ata rematar no concello onde Os Reis Magos recibirán ós cativos no claustro.
No seu percorrido polas rúas noiesas, a cabalgata repartirá máis de 700 quilos de caramelos sen glute para adozar os padais dos máis pequenos sen restricións.











