O GROVE> A CIG convoca unha mobilización para o próximo 12 de xaneiro polos despidos na planta de Atunlo do Grove. Esta mañá celebrouse unha reunión entre a empresa e os sindicatos na que a dirección da compañía mantivo a súa proposta de ERE para 136 dos 150 empregados. A central nacionalista esixe máis documentación e insiste que non procede aplicar un expediente de regulación de emprego cando a firma se encontra en preconcurso voluntario de acredores.
A reunión de hoxe entre os sindicatos e a dirección de Atunlo só serviu para senta-las bases para unha negociación que se retomará nunha nova xuntanza o vindeiro día dez deste mes.
Do resto, as posturas non me moveron nin un milímetro. Atunlo insiste en aplicar un ERE sobre 136 dos seus empregados no Grove, quedando o cadro de persoal reducido a 15 traballadores na planta da Siradella.
Os sindicatos, pola súa banda, tampouco deron un paso atrás. A CIG insiste en que non prodece aplicar un expediente de regulación de emprego cando a empresa se atopa en preconcurso de acredores.
A central nacionalista reclama máis documentación para coñecer cal é a verdadeira situación da firma e se realmente conta cos suficientes recursos económicos para facerlle fronte ás indemnizacións.
O persoal da planta do Grove cobrou, polo menos, a nómina do mes de decembro, pero non foi así no caso dos traballadores das plantas de Cambados e Santoña. No caso desta última planta a situación é aínda máis complicada que na do Grove, xa que a empresa contempla o seu peche total.
Á espera da vindeira reunión do día 10, a CIG convocou xa para o vindeiro 12 de xaneiro ao mediodía a súa primeira mobilización ás portas do Concello do Grove.











