O GROVE> O Grove estes días é un auténtico fervedoiro. Pola vila están a pasar, como sempre, milleiros e milleiros de persoas atraídas pola ampla e saborosa oferta gastronómica que ofrece a Festa do Marisco. O evento superou xa o seu ecuador, polo de agora, manténdose como a segunda edición máis exitosa, logo da do ano pasado. Así as cousas, todo apunta a que non se van superar as cifras récord de 2023 porque este ano o festivo do 12 de outubro coincide en fin de semana.
A Festa do Marisco do Grove suma ao seu palmarés outra edición exitosa. Pola carpa instalada na praza do Corgo desfilan estes días milleiros e milleiros de persoas, desexosas de vivir unha experiencia gastronómica das grandes. E polo que nos contan, todo está saíndo a pedir de boca.
O certo é que na festa do marisco todo está bo e todo o mundo quere probar cantas máis cousas mellor.
O público destaca tamén o ben organizado que está todo. Un espazo amplo, ordenado, sen moita espera e cun moi bo servizo.
Esta mañá visitaron a Festa o presidente da Deputación de Pontevedra e o Delegado da Xunta en Pontevedra. Destacan que se trata dun evento imprescindible dende o punto de vista turístico, nunha época que xa se pode considerar temporada baixa.
O alcalde do Grove acompañou a Luis López e Agustín Reguera no seu paseo polas carpas do Corgo. Cacabelos destaca que no ecuador do evento, os datos sitúannos ante unha das mellores edicións.
Iso si, cre que non se superará o récord do ano pasado, precisamente porque o festivo do 12 de outubro coincide en fin de semana e, ademais, o tempo tampouco xoga a favor.











