A flota de Ribeira ‘clama’ contra o novo regulamento de control da Unión Europea

RIBEIRA> Un centenar de embarcacións participaron esta mañá na xornada de paro convocada pola Federación Galega de Confrarías. A protesta tiña coma finalidade mostrar o rexeitamento da flota ó novo regulamento de control de pesca aprobado recentemente pola Unión Europea.

Facendo soar as súas sirenas e bucinas….con petardos..e tamén con berros e pancartas, os mariñeiros de Ribeira e portos anexos, concentráronse esta mañá nas inmediacións da dársena exterior do peirao. Foron ó redor dun centenar de embarcacións, ás que se se sumaron tamén a pé de porto numerosos veciños.

A súa protesta viña motivada polo novo regulamento de control que vén de aprobar recentemente a Unión Europea co que non están para nada de acordo. Entenden que a norma está alonxada da realidade da flota artesanal, impoñendo a obriga a tódalas embarcacións de máis de catro metros de eslora a estar xeolocalizadas, á instalación de cámaras a bordo e a dispoñer dun diario electrónico.

Un aspecto tamén compartido dende a Administración Local.

Dende a Federación de Confrarías din que seguirán coas protestas ata conseguir unha modificación da actual normativa por parte de Bruselas e se deixe fora do novo regulamento á flota artesanal.

Tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mostrou a súa disconformidade co novo regulamento. Nun encontro mantido por videoconferencia coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea trasladoulle o malestar da flota galega. Quintana incide na necesidade de modificar o novo regulamento, ó entender que se trata dunha medida que criminaliza ó sector.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí