Boiro celebra a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade

BOIRO> Presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde, José Ramón Romero, celebrábase a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade.

Na xuntanza, na que tomaron parte tamén representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, abordouse a situación da seguridade cidadá no municipio.

Segundo puido constatarse na mesma, o índice de criminalidade no termo municipal mantense en cifras semellantes a anos anteriores. O que si se nota un aumento significativo da ciberdelincuencia.

A Subdelegada puxo en valor tamén a cooperación das distintas forzas de seguridade, nomeadamente a Garda Civil e a Policía local,  na prevención de calquera tipo de acto delitivo.

Na xuntanza tamén se avaliou a situación no ámbito da violencia de xénero e a marcha do sistema VioXén, do que forma parte tamén o Concello , co que se optimizan os recursos para poñelos a disposición das vítimas da violencia machista para protexelas cunha maior coordinación e proximidade, en colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil.