Na comarca do Salnés temos varios concellos marcados en vermello neste 28M.
Un deles é o de Meaño. Carlos Viéitez quere seguir outros catro anos na alcaldía, presentándose desta volta como candidato por Veciños de Meaño. No 2019 encabezaba a lista do PP, formación da que acabou sendo expulsado.
Tamén estaremos moi pendentes de Ribadumia, que ao igual que Meaño, conta cun alcalde que se presenta baixo siglas distintas. David Castro quere unha segunda maioría absoluta, pero agora non para Independentes por Ribadumia, senón para o PP. A súa fichaxe por esta formación propiciou o nacemento de Xuntos por Ribadumia, con críticos do PP, que pretenden ser determinantes na escena local.
O terceiro punto quente desta noite é Cambados. Na dereita, Sabela Fole loita por recuperar o concello para o PP. Na esquerda, Samuel Lago –o actual alcalde- enfróntase por primeira vez ás urnas, logo da renuncia de Fátima Abal.
No caso de Meis, Marta Giráldez quere a súa primeira maioría absoluta, logo de catro anos de goberno en minoría.
En Vilanova queda por ver se Renova –liderado por José Juan Durán- consegue representación ou fracasa no seu intento de rematar coas maiorías absolutas do popular Gonzalo Durán.
No Grove, o PSdeG de José Cacabelos agarda acadar de novo a maioría absoluta. O mesmo obxectivo téñeno os socialistas de Alberto Varela, en Vilagarcía e Luis Arosa, na Illa de Arousa (concello no que, ademais, as eleccións poden verse afectadas pola condena por malos tratos ao candidato do Partido Popular). Telmo Martín, en Sanxenxo, tamén vai por unha nova maioría absoluta, máis aínda logo de intregrar no PP a SAL.