Aparece o corpo do pescador de Vilanova desaparecido

VILANOVA> Localizado o corpo sen vida do mariñeiro de Vilanova desaparecido. A vítima é Ramiro Lago, fillo da expatroa maior desa localidade, Evangelina Lago. O seu corpo apareceu contra as 7 desta tarde na contorna da ponte da Illa de Arousa. Nesa mesma zona, poucas horas antes, localizábanse os seus aparellos.

O home tiña 43 anos. Foi a súa muller a que denunciou a súa desaparición. Indicou que saíra pescar sobre a medianoite, pero xa non volveu á casa. A súa embarcación apareceu á valga no Grove, na contorna de Porto Meloxo, sobre as 10 desta mañá.

Durante toda esta xornada, equipos de emerxencia peitearon a zona por terra, mar e aire na súa procura. O operativo esténdese nun arco amplo entre Vilagarcía e O Grove. En concreto, nestas tarefas participaron por mar o servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil e a embarcación Sargadelos de Salvamento Marítimo.

O helicóptero Pesca 1 apoiou as tarefas dende o aire e por terra, participaron efectivos de Protección Civil de Vilanova, Emerxencias do Grove, a Policía Local meca e tamén a Garda Civil. A embarcación foi localizada por persoal da Confraría de Pescadores do Grove, que a deixaron suxeita a unha batea ata que foi remolcada ata Vilanova.