CAMBADOS> A loita polo asilo de Cambados pasa ao seguinte nivel. Os grupos do goberno local convocan unha manifestación para instar á Xunta a que merque o pazo de Montesacro ou, polo menos, se comprometa á construción dunha residencia pública no municipio. Din que esta convocatoria chega despois de moitos intentos frustrados de que o goberno galego, polo menos, os reciba. Critican tamén o uso electoral que, segundo din, está a facer o PP local.
Unha vez queimados todos os cartuchos e sen que a Xunta movese ficha, Cambados eleva ao seguinte nivel a súa loita polo Asilo. Os grupos que conforman o goberno local convocan a toda a veciñanza a unha manifestación para esixirlle ao goberno galego que merque o pazo de Montesacro ou, polo menos, garanta a creación dunha residencia de anciáns pública en Cambados.
Din tomar esta medida logo de ata cinco solicitudes frustradas de reunirse coa Conselleira de Política Social e tamén a negativa do presidente da Xunta a manter un encontro, solicitado polo concello a finais de outubro.
Insisten en que a Xunta é a que ten as competencias en materia de benestar e os fondos para facerlle fronte á compra do pazo. Aproveitan para cargar contra a líder dos populares en Cambados, que nas últimas horas aseguraba que está a facer ‘xestións discretas’ sobre o asilo.
Aproveitan para rexeitar que a convocatoria da concentración teña un fondo electoralista. Lembran que cando o pazo se puxo á venda xa advertiran de que recorrerían a calquera vía de presión, se os cauces adminitrativos non daban froitos. Din que é o PP o que está a instrumentaliza-lo asunto.
O pazo está á venda por 3,8 millóns de euros. A moratoria de tres meses que a congregación do asilo deu ao concello rematou o pasado 31 de decembro, polo que a súa venda podería producirse en calquera momento.











