A moción de censura do PP prospera na Mancomunidade e fai a David Castro presidente

CAMBADOS> David Castro, alcalde de Ribadumia, xa é o novo presidente da Mancomunidade do Salnés. Finalmente o Partido Popular conseguiu sacar adiante a moción de censura e os apoios de Meaño Independente e Veciños por Meaño valéronlle para arrebatar a presidencia á socialista Marta Giráldez. O pleno no que se escenificou o cambio celebrouse este mediodía e estivo cargado de tensión.

Tan só seis meses durou o segundo mandato da socialista Marta Giráldez na Mancomunidade do Salnés. Hoxe o Partido Popular poñía fin a esta etapa cunha moción de censura, colocando ao alcalde de Ribadumia, David Castro, como novo presidente.

O pleno celebrouse este mediodía despois de que os tribunais desbotaran a petición do Partido Socialista de suspendelo ao solicitar medidas cautelares.

Se a moción de censura saíu adiante, foi grazas ao apoio de Meaño Independente e de Veciños por Meaño. José Aspérez, que será o novo delegado de turismo da Mancomunidade grazas ao acordo co PP, xustificou o seu cambio de postura fronte aos reproches de PSOE, BNG e Esquerda Unida. Recordemos que no mes de agosto os socialistas comprometéranse a entregarlle a vicepresidencia a cambio do seu apoio. Algo ao que non se sumou o BNG.

A de hoxe unha sesión tensa, que culminou no enfrontamento entre Marta Giráldez e o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán.

Durán negouse a desculparse, como lle reclamaban dende as filas socialistas.

O novo presidente da Mancomunidade estreará pronto o seu cargo. David Castro viaxará a Madrid mañá para representar o Salnés na Feira Internacional de Turismo, Fitur. Non está confirmado se irá con el José Aspérez, novo delegado de turismo.