MUROS> O xeodestino Ría da Estrela – Ría de Muros Noia estivo tamén presente en Fitur. A alcaldesa de Muros, María Lago, foi a encargada de dar a coñecer esta mañá a estratexia da marca turística desta comarca que engloba os atractivos turísticos, culturais e gastronómicos dos cinco municipios que a integran.
Ademais da presentación oficial no stand de Galicia, dirixida ós profesionais do sector turístico, celebrou tamén outra segunda presentación dirixida especificamente ós medios de comunicación cunha degustación de produtos da ría da marca ‘KM 0 MarGalaica’ da man de Pepe Senande, do Restaurante A Muradana de Muros e Lucinda Caamaño, da Casa do Zuleiro de Outes. A maiores, o persoal da Ría da Estrela aproveitou tamén a súa estancia en Fitur para promover o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia, cuxo interese medra cada ano.











