PONTEVEDRA> Os responsables de Sanidade e Educación visitaron esta mañá o Centro Integrado de Formación Profesional de Montecelo. Alí asinaron un convenio de colaboración para impulsar e potenciar a FP no eido sanitario en centros do Sergas. Unha das accións pasa por fomentar a FP Dual, comezando co alumnado de Imaxe para o Diagnóstico. A idea é que o alumnado poida facer prácticas remuneradas en dúas técnicas: resonancia magnética e TAC.
Impulsar a Formación Profesional no eido sanitario. É o obxectivo do convenio que hoxe asinaron as consellerías de Sanidade e de Educación.
En canto á FP Dual implantarase de entrada no ciclo de Imaxe para o Diagnóstico. O seu alumnado poderá realizar prácticas remuneradas en centros do Sergas mentres se forma.
Outro eido que recolle o convenio é a acreditación de competencias para o persoal sanitario que xa traballa no Sergas.
Durante o acto, o conselleiro de Educación adiantou que a intención da Xunta de Galicia é concentrar a oferta de FP do eido sanitario da área de Pontevedra e O Salnés no CIFP de Montecelo. Actualmente neste centro poden cursarse os ciclos de farmacia comunitaria e anatomía patolóxica.











