Todo listo en Pontevedra para celebrar os corenta anos do seu Entroido na rúa

PONTEVEDRA> Pontevedra xa ten lista a programación para o Entroido deste 2024, unha cita que será especialmente madrugadora. As festas comezarán na cidade o dia 9 coa recepción do Rei Urco e o pregón da Murga do Naveiro e prolongaranse toda a semana ata a despedida coa queima do Loro Ravachol. Non faltarán citas xa imprescindibles como o concurso de Murgas, a Noite Pirata ou a Mostra de Parodias. E cunha novidade: o sábado 17 celebrarase unha sesión vermú amenizada por varias murgas.

Corenta anos non se cumpren todos os días por iso o concello de Pontevedra chega decidido a facer desta unha edición especial do Entroido pontevedrés.

O Rei Urco marcará o inicio da programación co seu desembarco o día 9 de febreiro. Xornada na que tamén se celebrará o pregón. Este ano a cargo da Murga do Naveiro.
Na programación non faltarán outras citas imprescindibles. O día 10 será o desfile, o 12

comezará o concurso de Murgas e o 13 celebrarase a Festa Pirata. O mércores será a quenda do Entroido das parroquias e da recreación da Botica de Perfecto Feijóo na Peregrina. O xoves celebrarase a final do certame de murgas e o venres 16, a Mostra da Parodia. O Entroido despedirase o sábado 17 coa tradicional incineración do Ravachol e cunha novidade.

Neste 40 aniversario do Entroido, o concello tamén fixo unha aposta especial para o programa e para o cartel. Trátase dunha versión da obra de Castelao ‘O neno das piñas’ feita polo ilustrador Kiko da Silva, que quixo homenaxear ao ilustre galeguista.

En canto ao programa, chega cun formato especial que recorda a un álbum de cromos. Nel recompílanse as imaxes dos carteis das 39 edicións anteriores do Entroido pontevedrés.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí