As traballadoras de DomusVi Ribadumia inician as mobilizacións e reclaman a compensación dos festivos

RIBADUMIA> Como a anunciaran a comezos desta semana, as traballadoras da residencia DomusVi Ribadumia iniciaron hoxe as mobilizacións. Protestan polas súas condicións laborais, con salarios por debaixo do mínimo interprofesionais e incumprimentos no referente aos horarios, os descansos e as compensacións dos festivos.

As traballadoras da residencia DomusVi Ribadumia dan un paso adiante para protestar polas súas condicións laborais.

Hoxe celebraron a primeira mobilización ás portas do centro. Acusan á empresa de manter case todos os salarios por debaixo do mínimo interprofesional e denuncian outros incumprimentos no referente aos horarios.

Foi precisamente a postura da empresa nunha recente negociación sobre a compensación por días festivos traballados a pinga que desbordou a paciencia do cadro de persoal. As traballadoras demandan que se lles compense con días de descanso. Ante a súa negativa a aceptar a proposta da compañía, a empresa, aseguran, optou por aprobar de xeito unilateral un calendario que empeora as súas condicións.

A de hoxe foi a primeira concentración pero aseguran que haberá máis. Mesmo non desbotan a posibilidade dunha convocatoria de folga. Ademais piden ás familias dos residentes que apoien as súas reclamacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí