PONTEVEDRA> O líder do Partido Popular no concello de Pontevedra fai balance dos tres anos de mandato de Miguel Anxo Fernández Lores. Para Rafa Domínguez, o goberno bipartito está esgotado, ocupado en facer anuncios que non chegan a executar. Domínguez asegura tamén que o alcalde volverá encabezar a candidatura do BNG pola falta de relevo xeracional no partido.
Este mércores cúmprese o terceiro ano deste mandato e a menos dun ano para as eleccións municipais, o líder do Partido Popular en Pontevedra suspende a xestión do actual goberno.
Esgotado tamén está, segundo Domínguez, o alcalde da cidade. Segundo o popular, Miguel Anxo Fernández Lores volverá encabezar a candidatura do BNG por falta de relevo xeracional.
En rolda de prensa, o líder do PP local debullou a actuación do goberno bipartito destes tres anos. Asegurou que a execución de obras é moi pobre, con tan só a reforma de Loureiro Crespo como gran proxecto.
Domínguez criticou tamén que non se fixeran investimentos nos barrios, sobre todo no de Monteporreiro, nin nas parroquias; que non se adxudicara un novo contrato do lixo ou que non se fixera un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Ante este escenario, os populares postúlanse como alternativa de goberno.
Aínda que se amosou partidario da compra do convento de Santa Clara, Domínguez criticou que a día de hoxe non exista un proxecto claro de cal será o uso que se dea á propiedade ou de como se abrirán os xardíns á cidade.