BARBANZA> Un dos entroidos máis madrugadores foi o da Pobra do Caramiñal. Ás cinco e media o desfile iniciábase na Covecha para percorrer posteriormente as diferentes rúas do casco urbano ata chegar ás inmediacións do colexio Fernández Valera onde se realizou o concurso de disfraces e carrozas co repato duns cinco mil euros en premios.
En Boiro o epicentro da xornada vivíase na praza do Concello. Alí tiña lugar tamén o tradicional concurso seguido por un numeroso público que ateigou a praza para ver os inxeniosos disfraces cheos de colorido.
Outra das vilas nas que se viviu con gran fervor este Martes de Entroido foi Ribeira, ademais festivo local.
O festival de murgas e comparsas na carpa instalada no Malecón foi o evento máis destacado desta xornada.
Con anterioridade tiña lugar o desfile, que partiu das inmediacións do vello auditorio, no que as agrupacións participantes percorreron o centro de Ribeira nun animado pasarrúas amenizado por distintas charangas.











