A confraría de Aguiño participa nun plan para retirar o reló das súas concesións

RIBEIRA> A confraría de Aguiño participa nun plan autonómico para a extracción de reló das súas autorizacións. Este recurso, que actualmente non pode comercializarse polos altos niveis de metais pesados, está a invadir o espazo destinado a ameixa que pode derivar nunha baixada da produtividade.

Aínda que hai algún anos, o reló constituía unha especie bastante rendible a nivel comercial, actualmente a súa venda está prohibida debido ó altos índices de metais pesados que presenta este bivalvo. O feito de non extraelo provocou unha invasión deste recurso en zonas nas que proliferaban outras especies polo que a confraría de Aguiño vén de sumarse a un plan autonómico desenvolvido por Seaga para retirar o reló das súas concesións.

Trátase dun plan a dous anos no que cada quilo extraído se paga a 0’85. Aínda que non é comparable ó valor que adoitaba acadar antigamente no mercado, supón uns ingresos adicionais ó tempo que axuda a manter a produtividade da ameixa, unha das especies con maior valor na lonxa.

Todo o reló extraído acumúlase nun contedor instalado na lonxa de Aguiño para a súa posterior destrución.