MEIS> Continúa a batalla xudicial pola xestión do lixo en Meis. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima os recursos contra a sentenza que tumbou hai un ano a adhesión do municipio ao servizo mancomunado do lixo, presentados polo concello e Valoriza, a empresa concesionaria. Esta mañá, a alcaldesa anunciaba que o concello non vai recorrer pero que si o vai facer Valoriza, presentando un recurso de casación no Tribunal Supremo.
A finais do 2021, a Mancomunidade do Salnés aprobaba a modificación do contrato do servizo de lixo para integrar nel ao concello de Meis. Dous anos despois, era o xulgado contencioso-administrativo de Pontevedra o que botaba abaixo ese acordo, logo de estima-lo recurso interposto pola empresa Servizos dos Concellos galegos, que era a que prestaba o servizo en Meis antes da súa integración no servizo mancomunado.
Aquela sentenza fora recorrida tanto polo concello meisino como por Valoriza, empresa que recolle o lixo nos concellos do Salnés adheridos á recollida conxunta.
Pero eses recursos veñen agora de ser desestimados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Un novo revés que leva ao concello de Meis a tira-la toalla. Non así a Valoriza que, segundo avanzou hoxe a alcaldesa, presentará un recurso no Tribunal Supremo.
Engade Giráldez que aínda que o concello non recorra, non comparte a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia porque, entende, Servizos dos Concellos Galegos non tiña lexitimación para presentar ese recurso. Entre outras cousas, lembra Giráldez, esta esta empresa nin concorreu aos dous procesos de contratación abertos en Meis e que quedaron desertos, que desencadearon a integración do municipio no servizo mancomunado.
E ante as críticas que apuntaban a que todo este proceso isa supoñer un gasto millonario para o concello, Giráldez aclara.
E lanza unha mensaxe de tranquilidade aos veciños garantindo que o servizo seguirá prestándose como ata o de agora. A resolución do Tribunal Supremo ao recurso de Valoriza podería tardar un ano en coñecerse.











