A Xunta sanciona a Tungsten San Finx cunha multa de 180 mil euros por verteduras ilegais

LOUSAME> Augas de Galicia recoñece agora a comisión, por parte da empresa Tungsten San Finx, S.L. que explota o complexo mineiro, dunha infracción grave pola verteduras de auga procedente da mina con elevadas concentracións de metais pesados entre os que se atopan cadmio, cobre ou cinc.

Por esta razón imponlle unha multa de 180 mil euros.

A nova foi aplaudida dende as diferentes entidades e colectivos sociais que se agrupan ó redor da Plataforma contra as verteduras da mina de San Finx que dende hai anos vén denunciando a situación.

Aínda así para eles a sanción non é de todo satisfactoria. Botan en falla a imposición por parte da Xunta das medidas cautelares que reclamaban para evitar a continuidade da contaminación, incluíndo o taponamento das galerías de drenaxe e o selado das labores en superficie para minimizar a entrada de auga.

Dende a Plataforma advirten tamén que a empresa, cuxa titularidade real se descoñece desde o pasado verán, está aparentemente desaparecida, pois nin tan sequera presentou alegacións fronte a proposta de sanción por parte da Xunta.

Por este motivo, e ante o risco de fuga, esixen á Xunta que impoña de inmediato as fianzas necesarias e aplique o canon de control de vertidos para garantir que se leven a cabo as actuacións necesarias para impedir a continuidade das verteduras, así como a restauración da zona afectada polas presas de residuos mineiras abandonadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí