BOIRO> O proxecto ‘Agadea Hábitat’ que promove a Asociación Galega de Axuda ós Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer é un proxecto pioneiro e humanizador que dende hai anos persegue a entidade co que se vai transformar un dos antigos edificios das vivendas dos mestres de Praia Xardín nun centro de día para persoas maiores.
Esta mañá tiña lugar a sinatura do convenio que permitirá a cesión por parte do Concello a Agadea do inmoble por un período de 50 anos.
Segundo explicou a propia presidenta da entidade, Isabel Gey, trátase dun proxecto que busca mellorar a atención persoas maiores, que vén a aportar máis prazas de atención diúrna a maiores e persoas con demencia, onde existen grandes listas de agarda en toda a comarca.
Dende o Concello valoraron moi positivamente este proxecto, no que Agadea ten previsto investir preto dos 860 mil euros, que permitirá a creación dun centro de día con 26 prazas, non só para veciños do municipio, senón tamén do resto da comarca.
A actuación iniciarase de inmediato, co fin de que poida estar rematada no verán de 2026, e xa ese mesmo ano poida entrar en funcionamento.











