José Carlos Eirín, culpable do asasinato con aleivosía e agravante de xénero de Jéssica Méndez

PONTEVEDRA> José Eirín, culpable do asasinato con aleivosía e agravante de xénero de Jéssica Méndez. Tras 12 horas de deliberación, este mediodía o xurado popular deu lectura ao seu veredicto. Consideran probado de xeito unánime que o 17 de marzo de 2022 o acusado deu morte a Jéssica de xeito intencionado, sen que tivera posibilidade de defenderse ao encaixar o seu coche contra o dela. Agora o xuíz terá que ditar sentenza. A Fiscalía mantén a súa petición de 24 anos de cadea.

Doce horas precisou o xurado para decidir o seu veredicto no xuízo polo crime de Jéssica Méndez. Consideran probado que o 17 de marzo de 2022 José Carlos Eirín encaixou o seu vehículo contra o que conducía Jéssica co propósito de rematar coa súa vida.

Polo tanto, declaran a José Carlos Eirín culpable dun delito de asasinato con aleivosía e agravante de xénero. Ante este veredicto, a Fiscalía mantivo a súa petición de 24 anos de cadea.

Os avogados das dúas acusacións particulares, da familia e da parella de Jéssica, piden para Eirín 23 e 22 anos de cadea, respectivamente. A súa defensa, pola contra, insistiu na súa inocencia. Considera que o veredicto non estivo motivado e optou por non pronunciarse sobre a condena.

Ás portas da Audiencia Provincial agardaba un grupo de veciños da parroquia pontevedresa de Verducido, onde viven os pais da falecida. Estiveron concentrados a diario durante todas as xornadas do xuízo. Na saída de Eirín vivíronse momentos de certa tensión e despedírono ao grito de ‘asasino’.

Agora será o xuíz quen terá que ditar sentenza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí