Comerciantes das Galerías Oliva inician unha recollida de sinaturas contra a inseguridade que sofren

PONTEVEDRA> Comerciantes e hostaleiros das Galerías Oliva, en Pontevedra, están fartos. Denuncian que a diario soportan problemas de inseguridade e de limpeza, provocados por persoas sen teito que utilizan este espazo para durmir e que manteñen comportamentos incívicos. A pingueira que encheu o vaso foi o roubo que esta mesma semana sufriu unha das cafeterías das Galerías. Agora iniciaron unha recollida de sinaturas para reclamar que se tomen medidas que poñan freo a esta problemática.

Estampas coma estas son as que se atopan os comerciantes e hostaleiros das Galerías Oliva a diario cando van abrir os seus negocios.

Están fartos pero a pingueira que encheu o vaso vivírona esta semana, cando os ladróns forzaron o acceso a unha das cafeterías para intentar levar a recadación.

A caixa do local estaba baleira polo que todo quedou nun susto. Pero a experiencia serviu para mobilizar aos comerciantes deste céntrico espazo. Agora iniciaron unha recollida de sinaturas para reclamar unha solución a este problema.

É unha situación semellante á que están a sufrir negocios e veciños da contorna da Ferrería por un grupo de toxicómanos que se instalaron na praza. Os comerciantes das Galerías cren que tamén son responsables dos problemas neste espazo.

Coa recollida de sinaturas buscan conseguir que servizos sociais, policía e servizos de limpeza e xardinería do concello interveñan para rematar cos problemas de inseguridade, sucidade e desorde público que están a padecer e que afectan seriamente aos seus negocios.

De xeito paralelo, a asociación está a organizar diferentes actividades para dinamizar as Galerías. Entre elas, este sábado 23 de marzo celebrarán durante a mañá o segundo Encontro de Palilleiras, no que participarán preto de 200 de toda Galicia.