O GROVE> Nace AMIGROVE, a Asociación de Migrantes do Grove. O colectivo xurde para fomenta-la empregabilidade das persoas estranxeiras que queiran apostar polo autoemprego. A nova asociación, que nace co apoio de UPTA, conta xa cuns 40 membros. O seu obxectivo é expandirse ao ámbito da comarca do Salnés e seguir medrando ata ser unha das referencias da provincia de Pontevedra.
No concello do Grove hai unhas 900 persoas estranxeiras empadronadas. Unha realidade social que crea novas necesidades. Unha delas é a de fomenta-la súa empregabilidade como autónomos. Con ese obxectivo nace AMIGROVE, a Asociación de Migrantes do Grove. O colectivo nace co apoio de UPTA, entidade coa que xa comezaron a colaborar.
Pola súa banda, UPTA cre que a nova asociación será clave para fomenta-la integración das persoas inmigrantes no mercado laboral.
En concreto, AMIGROVE pon o foco nas trabas burocráticas e no interminable papeleo ao que lle ten que facer fronte un inmigrante para poder impulsa-lo seu negocio.
AMIGROVE terá o seu centro de acción neste municipio, pero nace con vocación de servizo a toda a comarca do Salnés e co obxectivo de expandirse ao resto da provincia.
O colectivo conta xa con 40 membros. En toda a comarca do Salnés hai uns 8500 traballadores autónomos dos que xa o 14% son persoas non nacidas en España.











